III edición da Feiriña, feira do comercio local de Outes

O evento terá lugar o 20 de agosto e inclúe actuacións de música e animación infantil

A rúa da Capela, na Serra de Outes, volverá acoller o vindeiro sábado 20 de agosto a terceira edición de “A Feiriña”, un evento organizado polo Concello de Outes en colaboración co comercio local. A rúa da Capela encherase con preto de 40 postos ao aire libre nos que se poderán mercar produtos de todo tipo. Haberá negocios que van desde roupa e confección, regalos, artesanía a produtos do agro e gastronómicos e mesmo automoción e maquinaria.

A apertura da feira está prevista para as 11:00 horas, ás 12.30 terá lugar unha actuación dirixida ao público infantil e familiar co espectáculo “Pallaso total”. Ás 13:30 horas haberá música para a vermú, a cargo do grupo de música latina “Habana Café Son” e ás 21 horas actuará o grupo “Os Piñeiros Band”, quen traerá ritmos pop e rock dos anos 70, 80 e 90. Ademais sortearase un xantar ou cea para dúas persoas entre as persoas que merquen e consuman nos locais participantes da Feiriña.

O alcalde, Manolo González, convida á veciñanza da comarca e ás persoas que visitan Outes a visitar este evento que mestura comercio, gastronomía e música para tódolos públicos. “Coa feira preténdese promocionar o comercio do concello e dar a coñecer a propia vila da Serra de Outes entre os nosos visitantes, como un espazo ideal para facer compras, xantar ou dar un paseo á beira do río”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará