Outes dinamiza o uso do galego a través do comercio local

O SNL puxo en marcha unha iniciativa que distribuirá de xeito gratuíto bolsas de tea, dípticos informativos e propostas para fomentar o uso da lingua galega

Outes, setembro de 2021. Baixo o título en Outes, en galego! o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Outes planificou unha campaña de dinamización lingüística no ámbito comercial coa que se pretende promover o emprego do galego como lingua habitual na realización do traballo dos negocios. O técnico de normalización lingüística, Luís Pérez Barral, sinalou que a campaña promoverá o uso do galego tanto entre comerciantes como entre clientes e achegará razóns da importancia de usar o galego no ámbito económico. Pérez Barral explicou que a lingua galega achega valores positivos que debemos resaltar como son a proximidade, a calidade, a autenticidade e mesmo permite xerar postos de traballo no país. Desde o SNL valórase positivamente que moitos comercios xa traballen en galego de maneira habitual polo que seguirán traballando para facilitar que isto siga sendo así.

En declaracións da tenente de alcalde, Alba Quintela Vilariño, “despois da boa acollida que tivo a iniciativa de promoción e galeguización do comercio outense posta en marcha o ano pasado, o decidimos retomar a iniciativa co fin de chegar a máis veciños e veciñas”. Quintela Vilariño destacou que o Concello de Outes ten compromiso co uso e dinamización da lingua galega en todos os ámbitos e “con esta campaña fixamos un dobre obxectivo; potenciar o uso da lingua galega como distintivo de prestixio do comercio local, dámoslle máis visibilidade e colaboramos co tecido comercial e hostaleiro” aclarou.

Outro dos obxectivos desta campaña, segundo Quintela, é colaborar activamente co comercio e hostalaría, para fomentar o consumo que se fai nos negocios a localidade. Con este propósito distribuiranse gratuitamente materiais útiles e atractivos para os comerciantes e para a clientela  tales como adhesivos, folletos explicativos sobre a importancia de usar o galego no ámbito económico, bolsas de tea, etc. “Esta acción permite establecer sinerxías e unificar esforzos na mellora da imaxe e da marca do tecido empresarial outense” declarou. Por último, desde o Concello informan que o SNL tamén prestará asesoramento lingüístico de maneira gratuíta a todos os negocios que desexen aumentar a presenza do galego no comercio e facilitaranse estratexias e recomendacións de comunicación e de atención ao público.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará