III edición da Feiriña, feira do comercio local de Outes

O evento terá lugar o 20 de agosto e inclúe actuacións de música e animación infantil

A rúa da Capela, na Serra de Outes, volverá acoller o vindeiro sábado 20 de agosto a terceira edición de “A Feiriña”, un evento organizado polo Concello de Outes en colaboración co comercio local. A rúa da Capela encherase con preto de 40 postos ao aire libre nos que se poderán mercar produtos de todo tipo. Haberá negocios que van desde roupa e confección, regalos, artesanía a produtos do agro e gastronómicos e mesmo automoción e maquinaria.

A apertura da feira está prevista para as 11:00 horas, ás 12.30 terá lugar unha actuación dirixida ao público infantil e familiar co espectáculo “Pallaso total”. Ás 13:30 horas haberá música para a vermú, a cargo do grupo de música latina “Habana Café Son” e ás 21 horas actuará o grupo “Os Piñeiros Band”, quen traerá ritmos pop e rock dos anos 70, 80 e 90. Ademais sortearase un xantar ou cea para dúas persoas entre as persoas que merquen e consuman nos locais participantes da Feiriña.

O alcalde, Manolo González, convida á veciñanza da comarca e ás persoas que visitan Outes a visitar este evento que mestura comercio, gastronomía e música para tódolos públicos. “Coa feira preténdese promocionar o comercio do concello e dar a coñecer a propia vila da Serra de Outes entre os nosos visitantes, como un espazo ideal para facer compras, xantar ou dar un paseo á beira do río”.

Sorteo A Feiriña

O Concello de Outes, co obxectivo de incentivar o consumo nos establecementos comerciais e hostaleiros da localidade, sortea un xantar ou cea para dúas persoas valorada en 80 euros. Poden participar no sorteo todas aquelas persoas, maiores de 18 anos, que consuman e merquen nos negocios que participan na segunda edición da Feiriña organizada polo Concello de Outes.

A Serra de Outes acollerá a segunda edición da Feiriña

O evento quere ser un escaparate para o comercio local e contará con actuacións de música e teatro

A rúa da Capela, na Serra de Outes, acollerá o vindeiro sábado 21 de Agosto a segunda edición de “A Feiriña”, un evento organizado polo Concello de Outes en colaboración co comercio local. A rúa da Capela encherase de postos ao aire libre nos que os comercios do concello que o desexen poderán expor e vender os seus produtos. Nesta edición participarán establecementos diversos que ofertan dende roupa e confección, regalos, artesanía a produtos do agro e gastronómicos produtores e negocios locais.

Ao igual que na primeira edición, A Feiriña contará con actuacións diversas para facer máis atractivo e agradable a xornada do sábado. Así, ás 12.30 h terá lugar unha actuación dirixida ao público infantil por parte da compañía “Teatro Calavera”. Ás 14 horas, para amenizar a sesión vermú, actuará o grupo de música indie “Momboi” e ás 21 horas actuará o grupo “Malo Será”, quen traerá ritmos Pop dos anos 70 e 80.

O alcalde, Manolo González, aproveitou para convidar aos veciños da comarca así como a todas as persoas que visitan Outes e os concellos da contorna durante o mes de agosto, a participar neste evento que mestura comercio, gastronomía e música para tódolos públicos. O mandatario indicou que “con esta acción persíguese promocionar o comercio do concello así como dar a coñecer a propia vila da Serra de Outes entre os nosos visitantes, como un espazo ideal para facer compras, xantar ou dar un paseo á beira do río”.

A Feiriña 2020
A Feiriña 2020
A Feiriña 2020

Outes impulsa o comercio local coa Feiriña

Un total de 15 postos de venda instalarase na rúa da Capela, onde tamén haberá concertos e degustacións gastronómicas

O 8 de agosto, de 11:00 a 15:00 horas na rúa da Capela celebrarase A Feriña.

No marco da campaña de apoio ao comercio local do Concello de Outes, o día 8 de agosto botará a andar a primeira edición da Feiriña. Trátase dunha feira para que os establecementos da localidade poidan dar a coñecer os seus produtos nunha serie de postos que estarán decorados evocando un mercado tradicional, con sancosmeiros e berberechos incluídos.

A Feiriña nace cun total de 15 postos onde distintas firmas do municipio mostrarán a calidade dos seus artigos, nunha xornada que coincide co propio día da feira que se celebra habitualmente. «A nosa idea é que colla vida propia e sirva para animar aos empresarios a que se asocien e acheguen as súas propostas, ideas e demandas», explicou o alcalde, Manuel González.

Precisamente, o Concello preparou unha cita que contará con degustacións e sesión vermú. Ademais, a cantautora galego-palestina Najha Shami brindará un concerto ás 13.30 horas, para logo dar paso á actuación da cantante Sheila Patricia.

Outes dinamiza o uso do galego apoiando o comercio local

Baixo o título “Outes é comercio, Outes é galego” o Concello de Outes está a desenvolver unha campaña de dinamización lingüística coa que se pretende promover o emprego do galego como lingua habitual na realización do traballo diario dos negocios. Desde o Servizo de Normalización Lingüística apúntase que esta campaña procura darlle visibilidade ao galego como distintivo de prestixio do comercio de Outes.

A campaña “Outes é comercio, Outes é galego” responde a un dobre obxectivo; dinamizar a lingua galega en todos os ámbitos e colaborar co tecido comercial e hostaleiro fomentando o consumo local. No marco desta acción o concello distribuirá gratuitamente panos de mesa para os locais de hostalaría e bolsas de tea para o comercio, establecendo así, sinerxías e unificar esforzos na mellora da imaxe e da marca do tecido comercial outense.