Outes impulsa o comercio local coa Feiriña

Un total de 15 postos de venda instalarase na rúa da Capela, onde tamén haberá concertos e degustacións gastronómicas

O 8 de agosto, de 11:00 a 15:00 horas na rúa da Capela celebrarase A Feriña.

No marco da campaña de apoio ao comercio local do Concello de Outes, o día 8 de agosto botará a andar a primeira edición da Feiriña. Trátase dunha feira para que os establecementos da localidade poidan dar a coñecer os seus produtos nunha serie de postos que estarán decorados evocando un mercado tradicional, con sancosmeiros e berberechos incluídos.

A Feiriña nace cun total de 15 postos onde distintas firmas do municipio mostrarán a calidade dos seus artigos, nunha xornada que coincide co propio día da feira que se celebra habitualmente. «A nosa idea é que colla vida propia e sirva para animar aos empresarios a que se asocien e acheguen as súas propostas, ideas e demandas», explicou o alcalde, Manuel González.

Precisamente, o Concello preparou unha cita que contará con degustacións e sesión vermú. Ademais, a cantautora galego-palestina Najha Shami brindará un concerto ás 13.30 horas, para logo dar paso á actuación da cantante Sheila Patricia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará