Sorteo A Feiriña

O Concello de Outes, co obxectivo de incentivar o consumo nos establecementos comerciais e hostaleiros da localidade, sortea un xantar ou cea para dúas persoas valorada en 80 euros. Poden participar no sorteo todas aquelas persoas, maiores de 18 anos, que consuman e merquen nos negocios que participan na segunda edición da Feiriña organizada polo Concello de Outes.

A Serra de Outes acollerá a segunda edición da Feiriña

O evento quere ser un escaparate para o comercio local e contará con actuacións de música e teatro

A rúa da Capela, na Serra de Outes, acollerá o vindeiro sábado 21 de Agosto a segunda edición de “A Feiriña”, un evento organizado polo Concello de Outes en colaboración co comercio local. A rúa da Capela encherase de postos ao aire libre nos que que os comercios do concello que o desexen poderán expor e vender os seus produtos. Nesta edición participarán establecementos diversos que ofertan dende roupa e confección, regalos, artesanía a produtos do agro e gastronómicos produtores e negocios locais.

Ao igual que na primeira edición, A Feiriña contará con actuacións diversas para facer máis atractivo e agradable a xornada do sábado. Así, ás 12.30 h terá lugar unha actuación dirixida ao público infantil por parte da compañía “Teatro Calavera”. Ás 14 horas, para amenizar a sesión vermú, actuará o grupo de música indie “Momboi” e ás 21 horas actuará o grupo “Malo Será”, quen traerá ritmos Pop dos anos 70 e 80.

O alcalde, Manolo González, aproveitou para convidar aos veciños da comarca así como a todas as persoas que visitan Outes e os concellos da contorna durante o mes de agosto, a participar neste evento que mestura comercio, gastronomía e música para tódolos públicos. O mandatario indicou que “con esta acción persíguese promocionar o comercio do concello así como dar a coñecer a propia vila da Serra de Outes entre os nosos visitantes, como un espazo ideal para facer compras, xantar ou dar un paseo á beira do río”.

A Feiriña 2020
A Feiriña 2020
A Feiriña 2020